Thursday 16 de May de 2024

O Grupo Socialista confirma o nomeamento de Don José Porto Buceta como fillo adoptivo da cidade


O acordo ratificarase no pleno deste xoves, logo de que os socialistas propuxeran esta condecoración “en recoñecemento a cinco décadas adicadas á veciñanza de Sar”

“Unha boa nova, de xustiza, para un veciño máis de Sar que impulsou a creación da Agrupación Folclórica e fixo de mediador coas administracións para conseguir a reforma da Colexiata ou que se construíra un colexio no barrio” explica Sindo Guinarte.

Logo de 50 anos á fronte da parroquia de Sar, Don José Porto Buceta será nomeado fillo adoptivo da Cidade de Santiago de Compostela. Unha condecoración que chega logo de que o grupo socialista iniciase os trámites en setembro do pasado ano, coincidindo coas cinco décadas que cumpriu como veciño do barrio.

Sindo Guinarte destaca esta como “unha boa nova” e un “xusto recoñecemento” a unha persoa que se converteu nunha institución gracias ao seu traballo en defensa do barrio e a súa calidade humana”. O edil socialista recalca entre os seus méritos a creación da Agrupación Folclórica e o seu traballo como “admirable mediador” coas distintas administracións para conseguir a reforma da Colexiata ou que se construíra un colexio público no barrio.

Guinarte destacou tamén o seu papel de “dinamizador social e precursor de iniciativas veciñais”, poñendo en valor o seu traballo “para conseguir os terreos que actualmente ocupan o campo de fútbol do barrio”. Insiste así en que a “súa dimensión humana e o seu compromiso con Sar está fora de dúbidas” ao igual “que o mérito para ser nomeado fillo adoptivo da cidade pola que leva traballado os últimos 50 anos”.

No pleno deste xoves será ratificado o acordo que xa subscrito na Comisión de Honras e Condecoracións.